martes, 31 de marzo de 2009

O Pan Sen Miolo

Como tódolos días, hoxe só podo contar unha historia triste; como a lúa sen noite como o día sen sol, como triste pasa o tempo, como triste estou eu. Para triste, meu corazón.

Podería contar a historia do príncipe que atopa a súa princesa azul e viven felices, comen perdices, dormen felices, morren felices… ¡Por Deus que alguén me pare! Non. É a peor historia xamais contada.

Inda con tempo dabondo para pensar, non atopo o momento de pensar, e penso. Pero non penso na crueldade dos pais sen fillos, dos fillos con fame, da fame sen pan, do pan sen miolo. Non na barbarie da educación deses fillos con libros sen follas, das follas en branco, do branco nas mentes deses nenos con libros sen follas con efe de fame, da fame sen pan, do pan sen miolo. Non en políticas infames de inmigración, na inmigración sen papeis, nos papeis que uns nunca tivemos na historia do noso exilio, neste exilio de moita fame, na fame sen pan, no pan sen miolo.

Inda con tempo dabondo para escribir, non atopo o momento de escribir, e escrebo. Escrebo a historia máis triste, a máis escura, a máis, a máis terrible. Ai, que sería do pan sen miolo....!

No hay comentarios:

Publicar un comentario